Saturday 27 de April de 2024

A Xunta e a EOI reforzan a súa colaboración para seguir a impulsar o emprendemento con vía de recuperación económica


— O director do Igape, Fernando Guldrís, mantén un encontro coa directora xeral, Nieves Olivera, e outros representantes da Escola de Organización Industrial para avaliar o estado dos proxectos conxuntos que se están a promover no contexto do acordo marco entre os dous organismos

— Destaca a importancia dos novos coworking, que este ano sumarán 11 espazos deseñados para aumentar as probabilidades de éxito de proxectos innovadores en fases temperás de desenvolvemento

— Estes lugares de traballo permitiron impulsar desde a súa posta en marcha 700 iniciativas emprendedoras en Galicia, aspirando, este ano, a sumar outros 220 proxectos

O director do Igape, Fernando Guldrís, vén de manter un encontro con Nieves Olivera, directora xeral da Escuela de Organización Industrial (EOI), e outros representantes do organismo, na procura de avaliar o estado dos distintos proxectos conxuntos que se están a promover no contexto do acordo marco entre os dous organismos. Unha colaboración que, como explicou Guldrís, busca reforzar a aposta polo emprendemento na procura de consolidar o seu papel como “vía de recuperación económica tras a pandemia”.

“Temos unha Galicia emprendedora que sabe como innovar, e o que queremos e facilitarlles ese camiño que se traduce na mellora competitiva do noso tecido produtivo”, expuxo Guldrís. Un escenario no que destacou os espazos coworking, lugares de traballo destinados a emprendedores e que contemplan no seu conxunto distintas actividades e asesoramento.

Estes espazos, proxecto conxunto que veñen desenvolvendo a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través do Igape, e a Escuela de Organización Industrial, buscan aumentar as probabilidades de éxito de proxectos innovadores en fases temperás de desenvolvemento, e teñen permitido ata o de agora impulsar 700 novos proxectos emprendedores en Galicia.

Para dar continuidade a este traballo, os novos talleres facilitarán, ata finais de 2022, a posta en marcha de 220 iniciativas empresarias. En total habilitaranse 11 espazos, con catro novas ubicacións, das que tres se atopan na provincia de Ourense -nas comarcas do Carballiño, Valdeorras (A Rúa) e na Tecnópole (San Cibrao das Viñas)-, e outra na comarca do Deza (Lalín). Así mesmo, mantéñense sete espazos: tres en Lugo: na Ribeira Sacra (Monforte de Lemos), na Mariña (Mondoñedo)e en Palas de Rei; outro máis en Pontevedra, no Salnés (Vilanova de Arousa); e tres na Coruña: en Ferrolterra (Ferrol), Santiago e na Costa da Morte (Cabana de Bergantiños).

Estes coworking contemplan no seu conxunto distintas actividades e asesoramento, ofrecen aos participantes un mentor individual para o seu proxecto, que os acompañará no deseño de modelo de negocio; formación específica, mediante talleres prácticos centrados en temas de interese; e distintos eventos, como xornadas de networking ou encontros con actores sociais e económicos relevantes.

Así mesmo, a reunión permitiu tamén avaliar as posibilidades que ofrecen outras accións que se están a desenvolver no contexto do acordo marco do Igape e a Escuela de Organización Industrial, como os Activa StartUp, ou o Activa Industria 4.0.

Ditas iniciativas configúranse como ferramentas que permiten desenvolver proxectos de colaboración para impulsar a competitividade e o crecemento empresarial, permitindo ás empresas facer fronte aos custos asociados aos procesos de innovación.